A Asociación Xuvenil Cultural Mare Podium ten como un dos seus fins principais a realización dos maios.
Conservada secularmente polos nosos devanceiros, a Festa dos Maios está relacionada co renacer cíclico do mundo vexetal, co fin do inverno e o comezo do verán, coas boas colleitas, a expulsión das meigas e bruxos e demais seres máxicos, a floración das plantas, os primeiros froitos...
O Maio Mare Podium está feito por xente xoven dunha maneira artesanal. Crear actitudes positivas diante da tradición dos maios, da unha explicación específica da cultura propia do noso pobo, asi coma o seu carácter e historia.
Maios en Poio
Chamativos pola súa vistosidade e polo agresivo das coplas; os maios son moi apropiados para facer crítica dos feitos acontecidos durante o ano. É un caso de censura popular ben acollida ata polo censurado, por tratarse de festas que se veñen facendo dende fai séculos.
A forma tradicional dos maios é cónica. O seu armazón está feito con varas e canas atadas con vimbia, recubríndose con fiuncho e xestas, e decorándose con cáscaras de ovos, laranxas bravas, e flores de xardín ou silvestres. A coroa vai na parte superior do maio. Antigamente a coroa variaba según o día: o 1 de maio era a coroa normal e o día 3 sustituíase por unha cruz.
As letras das coplas denuncian feitos notorios acontecidos o longo de todo o ano ás persoas con cargos ou de coñecida popularidade.
O neno que fai de solista acóchase dentro do maio, mentres os demáis membros do grupo dan voltas o seu redor. Ó calar o solista, os que están xirando repiten a última estrofa tocando os palitroques.
Barcos de maio
Trátase de pequenos barcos feitos con cartón, forrados con folla verde de camelia e adornados con bandeirolas e flores. Son tan tradicionais coma os outros e eran representativos nas vilas mariñeiras. Na actualidade escasean e só saen para exposición ó carón dun maio tradicional.
No esplendor dos barcos de maio, os nenos cantaban a babor ou estribor, segundo a posición do público. A súa música era diferente ó maio tradicional e as coplas estaban vencelladas o mar.
Esta páxina web en galego tivo unha axuda outorgada pola Xunta de Galicia - Presidencia - Secretaría Xeral de Comunicación - Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual